A COLECCIÓN ANTONIO RAMA. UNHA GRAN DOAZÓN PARA O MUSEO MASSÓ



Os fondos do Museo Massó víronse incrementados nos últimos días coa incorporación dunha desinteresada doazón dun coleccionista particular, Antonio Rama, composta por una variada colección de obxectos náuticos.

Antonio Rama Laguna foi reporteiro gráfico ata su retiro, actividade que desenvolveu moitos anos na Televisión de Galicia. Compaxinou o seu traballo cunha das súas grandes aficións, o coleccionismo de obxectos e antigüidades relacionados coa navegación.

A doazón realizada a Comunidade Autónoma de Galicia para ser exposta no Museo Massó,  xa está nas instalacións do Museo, que prepara unha exposición temporal para presentala  ao público e como adianto do que será nun futuro a súa integración na exposición permanente.

 No Museo Massó se está a catalogar este material, composto  por  case duascentas pezas, entre as que figuran obxectos que non existían nos fondos do Museo,  que posúe unha das mellores coleccións de instrumentos de navegación.
   

Entre os obxectos doados destacan  os instrumentos de navegación, pistolas lanzabengalas de diferentes épocas, unha lanterna de faro, placas identificativas de barcos procedentes de  estaleiros galegos, bucinas ou sirenas, catalexos, documentos e incluso unha escafandra e botas clásicas de mergullador, de finais do século XIX.

  



Entre as “xoias” da colección cabe destacar, a modo de exemplo, un telégrafo para a transmisión de manobras dende o barco de 1885 ou tamén un sextante circular ou círculo de reflexión, instrumento de navegación xa moi escaso en todo o mundo.


Comentarios